Paradigma (ciencia)

Paradigma, termo derivado do grego antigo παράδειγμα (parádeigma), que á súa vez se compón cos vocábulos παρά (pará, 'xunto a', 'ao lado') e δείγμα (deígma, 'mostra', 'exemplo'), e que podemos traducir como "modelo", é un modelo ou patrón en calquera disciplina científica ou noutro contexto epistemolóxico. Esta definición correspóndese co significado máis usual da palabra case homónima do idioma inglés paradigm. Pero o concepto foi orixinalmente específico da gramática; en 1900, o dicionario Merriam- Webster's definía o seu uso soamente en tal contexto (ou en retórica, para referirse a unha parábola ou a unha fábula). En lingüística, Ferdinand de Saussure usou paradigma para referirse a unha clase de elementos con similitudes. Mesmo no dicionario da Real Academia Galega recóllese só o significado gramatical e lingüístico O termo ten tamén unha concepción no campo da psicoloxía refiríndose a acepcións de ideas, pensamentos, crenzas, incorporadas xeralmente durante a nosa primeira etapa de vida, que se aceptan como verdadeiras ou falsas sen poñelas a proba dunha nova análise. Non obstante, dado que este termo se utiliza amplamente en ciencia, en técnica e en epistemoloxía en galego coa definición aquí expresada, non se pode considerar que esta interpretación do vocábulo paradigma non sexa axeitada, polo menos, a efectos prácticos. Neste artigo tratarase só do paradima científico. Para os aspectos gramaticais e lingüísticos do termo, véxase o artigo Paradigma.


Developed by StudentB